Ola!
A Feira de Ciencia deste ano celebrouse nun
día moi primaveral. Este curso decidimos levala ao exterior do cole e
desfrutamos dunha xornada cálida e tranquila.
Como cada ano, tentamos que a feira estivera enmarcada no noso PDI, polo que nesta ocasión fixemos que as propostas escollidas xiraran entorno á idea "Facendo comunidade". Para todo isto, tiramos do fondo da nosa BiblioSouto e traballamos a publicación dos irmáns Roca Las deliciosas aventuras de los hermanos Roca. Despierta la curiosidad científica a través de la cocina.
Coñecimos máis sobre as densidades, comprobamos como se fan as emulsións e saboreamos uns apetitosos petiscos de emulsión de aguacate e lima.
Tamén descubrimos por que nos fai chorar a cebola e cales son os trucos para evitalo. E puidemos probar unhas minipizzas con base de cabaciño e sofrito de cebola e outras verduriñas.
Coñecimos o almidón, as súas funcións dentro do noso organismo, como se comporta a nivel molecular, e como detectalo en diferentes alimentos. Ademais, cociñáronnos unhas deliciosas galletas de boniato cheas de enerxía grazas ao almidón que contén este tubérculo.
Agora sabemos cal é a diferenza entre flavor e olor xa que nos propuxeron xogos con diversos alimentos que ulimos e saboreamos. Tamén puidemos sentir a diferenza entre o olor das pizzas cociñadas ben quentiñas e as que aínda estaban sen cociñar. Canto fai o calor! E, por suposto, saboreámolas.
Xogamos e experimentamos con fluídos entre sólidos e líquidos (fluído non newtoniano, flan...), e probamos un deles: a deliciosa xelatina de amorodos!
Coñecimos o motivo polo que o pan infla, vendo a diferenza dunha masa con e sen lévedo. Que ricas estaban esas pizzas! E canto amasaron as nosas compañeiras de 6º para todas nós!
Aprendemos sobre os estados da materia, a través da observación e da experimentación con reaccións químicas. E puidemos probar e refrescarnos cun xeado de plátano e amorodo.
Grazas ás familias que viñeron colaborar na tarde previa para que a parte da cociña estivera lista no día da feira para podermos ofrecer case douscentos petiscos de cada receita.
E moitas grazas ao alumnado participante por facer posible ese día e ensinarnos que aprender é moito máis divertido e saboroso en comunidade!
Para ver outras entradas relacionadas, preme na seguinte imaxe:
Comentarios
Publicar un comentario