TOI TOI TOI

 



    Que vos parece se vos digo que "toi, toi, toi" é o que se di en Alemaña, nos mesmos casos en que un inglés ou unha inglesa dirían "break a leg" ou unha galega diría "moita merda"?
    Literalmente non significan o mesmo pero úsanse no mesmo contexto: para desexar moita sorte a un ou unha artista antes dun espectáculo (teatro, danza, ópera...).


    Pero de onde veñen esas expresións?

    "Toi, toi, toi" é a onomatopea resultante do acto de cuspir, cousa que se facía para escorrentar aos malos espíritos e, polo tanto, de chamar pola boa sorte.

Representación de Der Freischütz, primeira ópera de Carl Maria von Weber.


    No caso da expresión "break a leg" hai varias teorías. 

    Podería deberse a que no teatro inglés existe o costume entre actores e actrices de axeonllar unha perna ao remataren a obra ante o aplauso do público. Por isto, con esta expresión, estarías facendo referencia a que lles desexas que reciban moitos aplausos e cheguen  a "romper unha perna" en sentido figurado.

    Outra teoría fala do feito de que, alá polo século XVI, os actores e actrices ingleses non sempre podían actuar (nas compañías teatras había titulares e suplentes) polo que, as que non actuaban, quedaban detrás da "liñas de pernas" (ou entre bastidores) e polo tanto non cobraban. Así, entenderíase o desexo de que rompesen esa "liña de pernas" e puidesen actuar e cobrar.
Ilustración: Representación dunha obra de teatro isabelino dos séculos XVI e XVII

    Para comprender a nosa expresión "moita merda", temos que remontarnos á súa orixe nos séculos XV e XVI, cando as obras de teatro facíanse nos corrais de comedia. O público achegábase a ver a representación e non pagaba entrada senón que lle daba donativos ao elenco cando a obra remataba. 
    Os actores e actrices sabían que gañarían máis cartos se entre o público había xente con carruaxes e a cabalo, xa que serían persoas adiñeiradas. Obviamente, isto tamén faría que o corral de comedia se enchese de excrementos dos animais.
Corral de comedia Español. Séculos XVI e XVII
    
    Pois ben, despois desta digresión, só vos diremos que lendo Toi, toi, toi coñeceredes a unha pandilla de sete amigas/os que queren montar un espectáculo teatral. Non volo perdades!

    E que viva o teatro!


Comentarios