Ola!
Queremos compartir con vós unha recomendación interesantísima. NON está pensada para crianzas, pero as adultas das familias que poidades achegarvos de seguro que vos encantará.
"586 cantos" é un espectáculo audiovisual creado a partir das gravacións que realizou Dorothé Schubarth percorrendo Galicia a finais dos anos 70 e recollendo un arquivo etnomusicolóxico exquisito. Dorothé quixo donar todo o seu traballo ao Museo do Pobo Galego para que este o preservara e o difundira.
Este espectáculo que montaron as cineastas Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal inclúe, ademais desas gravacións, fotografías, partituras e transcricións de textos; música en directo da man do mestre e músico Richi Casás acompañado por Tania Caamaño, Marina Vidal e Fran Barcia.
Deixámosvos información sobre a seguinte data e lugar para que non perdades os "586 cantos" e poidades desfrutar deles tanto como nós o fixemos. Podedes seguir a páxina web do Museo do Pobo Galego para irdes actualizando ditas datas.
23 de maio en Cerceda
Recomendámosvos tamén o filme Dorothé na vila, que podedes ver na plataforma FILMIN, onde Olaia Tubío e Alejandro Gándara seguen os pasos de Dorothé Schubart visitando, na actualidade, a moitas das persoas que Dorothé gravou nos anos 70.
Vémonos pola biblio!
Comentarios
Publicar un comentario